Galicia, nacionalidade europea
Plácido Ramón Castro del Río
“Galicia, nacionalidad europea”. El Pueblo Gallego, martes 10 de outubro de 1933.
Traducción ó galego de Daniel Landesa Porras.
Aínda que un acertado editorial publicado nestas columnas xulgou xa con exactitude a significación do ingreso de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas, convén tratar de novo esta cuestión especialmente para que non poida servir de pretexto a torcidas e mal intencionadas interpretacións, como as que algún adversario xa fixo públicas na Prensa.
Sabemos, primeiramente, que a posición de Galicia no citado Congreso ten un carácter especial, posto que non forman parte, como sucede no caso da maioría das nacionalidades que o integran, dun estado ligado por compromisos internacionais respecto ós dereitos das minorías.
É igualmente esencial lembrar que o Congreso non é un organismo para fomentar movementos políticos nacionalistas dirixidos contra os actuais estados, senón que procura soluciona-las cuestións minoritarias dentro de cada Estado. A isto débese que a declaración galega non fora formulada no aspecto de Galicia como nación, senón que aluda ó pobo de Galicia como nacionalidade, con idioma, cultura e costumes propios, que deben merece-lo respecto e o trato que hoxe se admiten internacionalmente como norma dos pobos progresistas.
Non foi, pois, Galicia ó Congreso a buscar apoio para un movemento político, nin coa idea de atopar axuda neste terreo, posto que ha de resolver, necesariamente, por si mesma o seu propio problema nacional. Salvo no caso, non imposible, de que en España chegue a imperar unha reacción unitaria e imperialista, que utilice contra o movemento nacionalista galego procedementos opresores e persecutorios. Nesas circunstancias si sería lícito e admisible consegui-lo auxilio moral da opinión internacional contra transgresións das máis elementais normas democráticas, como o fixo Cataluña durante a dictadura.
¿Cales son entón os resultados da incorporación de Galicia ó Congreso de Nacionalidades Europeas? En primeiro termo, o máis importante de todo é o recoñecemento por unha organización internacional, integrada por representantes de corenta millóns de europeos, pertencentes a catorce nacionalidades, de que o noso pobo constitúe unha nación. E neste aspecto non é o fundamental a mera fórmula de acudir ó Congreso e presentar unha declaración. O importante foi a previa investigación realizada na nosa terra polo secretario xeral do Congreso, coñecedor de tódolos movementos nacionalistas de Europa, que se convenceu plenamente de que o nacionalismo galego non é unha ficción idealista, senón a auténtica expresión das realidades de Galicia. Investigación que, por certo, non foi do agrado do Goberno español, pero que, por moito que lle pese a algúns, galegos ou non, xa propiciou un efecto que non se pode desvirtuar. Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa terra autónoma, ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación.
Outra constante aspiración do galeguismo, que aínda que pareza estraño ós que nos chaman separatistas é a da universalización de Galicia. Acharase agora notablemente favorecida. Universalización en dobre sentido, posto que por un lado podiamos soster constantes relacións con numerosas nacionalidades europeas e estar informados acerca da súa vida e os seus problemas, con tanta frecuencia semellantes ós nosos, complemento do contacto xa establecido, e que debemos intensificar, cos pobos célticos e lusitanos. E, por outra parte, comezará a ser coñecida no mundo a personalidade característica de Galicia, cando a súa futura actuación no Congreso e a través de diversas publicacións vaia dando a coñecer o noso pobo e os seus peculiares problemas, como xa aconteceu con motivo do seu ingreso no Congreso de Nacionalidades Europeas.
Debe igualmente facerse resalta-lo interese que encerra a participación e colaboración no Congreso das tres nacionalidades ibéricas, unidas xa en España por medio de “Galeuzca”, a cal concede ós nosos respectivos movementos nacionalistas un carácter e unha significación ante o mundo, no que se refire á estructuración de España, que illadamente non terían.
A declaración galega, feita de maneira que reservase ó pobo de Galicia a absoluta liberdade de dispor dos seus propios destinos, fai patente, sen embargo, con enteira claridade o espírito universalista do nacionalismo galego, apartado de todo separatismo posto que afirma a nosa vontade de colaboración cos outros pobos que habitan España e de formar parte dunha Federación, calquera que sexa a súa amplitude. Federación hispánica, ibérica, europea ou mundial, con todas se declara compatible o nacionalismo galego. Ningún movemento nacionalista afirmou con tanta claridade o seu espírito de franca fraternidade universal, e debemos celebrar que tivese esta ocasión de expresalo ante a opinión internacional.
Abondan estas consideracións para dar unha idea da significación desta nova actividade do galeguismo. Apuntemos, para rematar, soamente dúas cousas. Primeiro, que o galeguismo ten un amplo concepto da sucesión dun partido que excede o que posúen outras organizacións políticas, e do cal ten dereito a sentirse orgulloso. E, finalmente, que Galicia, porque é galega, polos seus propios méritos, conseguiu ocupar un posto que non estivera ó seu alcance se se conformase con ser un anaco da “España grande”. É dicir, que Galicia, sendo galega, é máis universal e ten máis personalidade que se perde a súa identidade nun estado español uniforme.
Posted on 2019/11/08
0