Faleceu Beiras. Dor é a palabra. Vanse aqueles que nos son imprescindibles. Foi un patriota e un home lúcido. A súa idea era infinda. Identificado no máis íntimo co pobo. Pobo e terra en outros son miopía, pero en Beiras un sentir universal.
A Beiras non había que explicarlle que na nosa terra republicanismo galego e republicanismo en Galicia eran o mesmo, que a fusión foi en vida e logo en sangue derramado que fluiu xunto. Dela semente naceu Beiras. Tiña a idade da miña nai. Naceu en abril de 1936, ano maldito na nosa historia, onde a esperanza e a vida foron sepultadas. Beiras non aceptou aquel ditado de desesperanza.
Onte foise de nós. Onte estivo cada día. Deberiamos facelo para que os do presente e os do futuro non esquezan o que bullía no corazón dos Beiras do mundo. Foi cualificado de radical, ríxido, sectario, intratable, irrelevante, marginal, utópico. Beiras era genuino e imprescindible-
Cando tras unha longa travesía do deserto na que non deixou a ninguén atrás, levou ao nacionalismo galego á posibilidade de gobernar en alianza, aconteceu que os socialistas lle vetaron e os seus tamén. Tiñan todos medo da lucidez de Beiras, pero sobre todo da súa honradez republicana, desa rara cualidade que é a virtude republicana. Era un tolo dixeron. Sí, un tolo que sempre defendeu que a esquerda ten que gobernar con decisión e tecer un pano que a dereita, no caso de voltar ao goberno, tarde décadas en poder desfacer se acaso.
Beiras quería gobernar para construír país, para que houbera unha sociedade vivible, onde o traballo dos que sempre deron vida ao país, os campesiños, os obreiros, os traballadores de toda clase, brillase e convertese as esperanzas en realidades. O nacionalismo de Beiras era republicano no sentido máis democrático e popular, non era a emoción baleira de vida, senón cheo de pobo vivo e traballador.
Beiras procedía dun entorno familiar e político ligado ao galeguismo histórico e ao republicanismo. Tocoulle vivir a súa infancia nun país en ruínas. Marchou estudar a Francia en anos cruciais e formouse en economía, compromiso antiimperialista e marxismo; poría todo iso ao servizo de Galicia e dun proxecto de nación ben arraigado e emerxido na realidade.
Coñecía Galicia en profundidade. Non houbo concello, parroquia, aldea, lugar que non visitase. Oírlle describir as súas vivencias terra adiante polo país galego, a súa experiencia en cada lugar, o que aprendía da xente de cada sitio, dos seus anos de lectura da paisaxe e de escoita da xente era unha experiencia singular. Con Beiras aprendías. Con Beiras decatábaste de canto temos que aprender e vivir para chegar a ousar un día querer gobernar.
Beiras foi pretendido en anos posteriores por algúns aspirantes a medrar autoproclamados líderes da nada. Cáloulles rápido. A súa retirada foi discreta. Non foi só a cuestión da idade ou da oportunidade. Beiras non era dos que se enganaban a si mesmos nin dos que necesitaban medrar a costa de ninguén.
A roda do tempo e esta destructora de esperanzas que é a política promovida por quen avasalla aos pobos, buscará facer esquecer a persoa que foi Beiras pero sobre todo destruír o seu exemplo, o seu aprendizaxe, as súas conclusións. Beiras non morreu nun exilio afastado, senón nun próximo. Ese exilio onde os republicanos de Galicia e os republicanos galegos seguimos vivindo.
Descansa en paz, Xosé Manoel. Non esquecerémoste. Agradezo as túas palabras próximas cando empecei esta conta de X. Coincidimos no de que a ausencia do republicanismo en Galicia era parte do drama que sufrimos e que, de existir, sería un aliado na construción nacional galega,
A túa, e nosa, bandeira azul e branca, coa estrela do progreso e do traballo, e a tricolor da República ondearán xuntas á media asta en duelo pola túa perda. Ambas son irmás como irmá quedou o sangue derramado xunto o ano no que naciches.
Descubre más desde Sociología crítica
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.










Posted on 2026/10/08
0