Catarse II. O PSOE / Xavier Cordal

Posted on 2024/06/23

1



Sociología crítica: Hay textos que no deben perderse. No vaya a ser que..

Se os tres pés do banco están roídos ningunha vitoria é posible.

Xavier Cordal para Vieiros 12/03/2009

Catarse: v.pr. Apercibirse de algo que se pasaba por alto; decatarse, notar, observar. s.f.. Teoría psicanalítica que busca a desaparición dos síntomas que perturban o equilibrio interior da persoa mediante a exteriorización verbal, dramática e emocional daqueles fenómenos que provocaron a represión. p.ext. Purificación.

Bande, 1989. Xa arrubiaran os carballos, parecían secos de tristura a semana seguinte ás eleccións autonómicas. Na esquina do bar medra unha conversa casual sobre a derrota e o felices que estaban os de sempre. As divisións no nacionalismo de esquerda sumaban sete escanos, o PSOE alcanzara o seu teito. Ponse o sol, imos entrando en confianza. E entón aquel militante socialista dun concello alí cerca –xa digo, casualidades que ten a vida- faime unha revelación transcendental. Flipo.

Nárrame gravísimas irregularidades que poderían levar a repetir as eleccións en Ourense. A maioría absoluta de Fraga Iribarne pende da posible impugnación que se derivase deses feitos acontecidos na comarca arraiana. Carrexo vulgar? Vaiche boa. Ante os meus ollos, a penas poido dar creto, desfila un por un cada detalle e cada nome. Isto non é xornalismo literario.

Pero o mozo estaba ben fodido. El tiña a chave, tiña as probas e seguira o guión alertando os dirixentes provinciais. A resposta non chega deles, nin do Comité Nacional –xúrovos que así se chama- do PSdG; quen lle soa no teléfono a noite anterior é un altísimo cargo, moi escasamente por debaixo de Felipe González. Ese? Ese. Un minuto de gloria que vira de maneira abrupta polo fío: o referente socialista ordenálle en termos categóricos que esqueza todo o asunto. E acabouse.

Os dous eramos demasiado novos para comprender cousas dese calibre. Aquilo, aínda que había un bar, tampouco era unha conversa de bar. Na súa cara rebordaba o desconcerto de quen se enfronta durante meses en Lobios, en Ermille, en Muíños, aos depredadores de voto con pasado fascista e vai bater contra outra forza máis escura.

Cando nos despedimos, aínda medio parvo por todo o que viña de oír, pensei que a un militante de base debía resultarlle imposible imaxinar sequera as causas da reacción do seu partido. Agora que imos disimulando calva e coñecemos algo de mundo se cadra axude -a quen desexe tornar o misterio- repasar a asignación de escanos.

Pouco do que se viu despois estrañaría a case ninguén: nin a complicidade do vazquismo coa reacción coruñesa, nin a incapacidade do PSdG xa non para atopar líderes que inquietasen a Fraga, senón para articular algo parecido a un discurso político. Vinte anos máis tarde, o home ao que tocara a lotería de presidir a Xunta tras a maior mobilización que coñecera a nosa terra desde a morte do Réxime marcha só de San Caetano no seu coche particular. Non, esta vez non había escuridade ningunha. Cando conflúen a xestión, a ideoloxía e a fe emerxe un signo de transformación histórica que os pobos perciben de inmediato. Se os tres pés do banco están roídos ningunha vitoria é posible.


Descubre más desde Sociología crítica

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Posted in: Novedades